Sunday 05 de May de 2024

A concellaría de Obras presenta un balance dos traballos rematados e proxectados en 2020 e a planificación de actuacións para este ano


O concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, presentou un resumo das actuacións levadas a cabo polo seu departamento en 2020, e adiantou a planificación de obras para este exercicio. Explicou que este ano hai seis obras en execución e estanse planificando outras 16 actuacións; que o ano pasado se executaron 23 obras, que xa están finalizadas; e que se remataron 16 proxectos, que está previsto executar en breve.

Entre eses proxectos está a reordenación da rúa do Hórreo na contorna da intermodal que conta cun orzamento de 593.562,72 euros. Unha obra que, explicou o concelleiro, servirá para dotar de humanidade á rúa. Adiantou que o proxecto xa está en contratación, que está previsto que se adxudique nos próximos meses para que poida estar finalizado a finais de ano. Sobre os escalóns de acceso á pasarela da Intermodal, confirmou que “a obra fíxoa a Xunta, as decisións e a execución son da Xunta de Galicia, e o escalón deixouno a Xunta”.

Javier Fernández tamén explicou que o departamento que dirixe divide as distintas actuacións en cinco tipoloxías:

Posta en valor do patrimonio

Mellora das condicións de accesibilidade

Mellora da eficiencia enerxética

Mellora dos equipamentos municipais

E actuacións de emerxencia.

Actuacións 2021
En 2020 rematáronse 23 actuacións, que contaron cun orzamento de 4.630.771,85 euros. Entre elas, a reurbanización do vial Clara Campoamor, que contou cun orzamento superior ao millón e medio de euros; a primeira fase das obras da Casa das Máquinas; a reurbanización de Patrio de Madres e Castrón Douro, cun orzamento superior ao millón e medio de euros; o acondicionamento do xacemento do Castelo da Rocha Forte; a restauración e iluminación das fontes da Alameda, unha obra realizada co departamento de Parques e Xardíns; a adecuación do espazo exterior da ludoteca da gardería de Fontiñas; ou a reparación do muro perimetral do cemiterio de Boisaca.

Nove das obras executadas o ano pasado eran de emerxencia, e tiveron un custe para as arcas municipais de 304.735,4 euros. Entre elas figuran as primeiras actuacións de seguridade no muro de Costiña de Monte, despois do derrubo.

Hai outras 16 actuacións que, cando rematou o 2020, xa tiñan o proxecto rematado; cun orzamento total de 7.062.968,14 euros. Ademais da remodelación da rúa do Hórreo, nesta lista destacan a rexeneración do pavimento da calzada en Cruceiro da Coruña en varios puntos do vial; o remate arquitectónico do límite leste da Alameda, no muro da rúa do Pombal; a senda peonil dende o Milladoiro ao Castelo da Rocha Forte; ou o acondicionamento anterior do edificio da Casa das Máquinas. Outros cinco proxectos estaban en proceso de redación cando rematou o ano.

Planificación 2021
Neste momento, segundo explicou o concelleiro Javier Fernández, hai seis obras en execución, cun custe de 1.665.284,38 euros. Son a rehabilitación enerxética de distintos edificios municipais; a substitución do céspede artificial e peche perimetral do campo de fútbol das Cancelas, que acaba de finalizar hai dúas semanas e está pendente de recepción; a reparación dos muros de Fontiñas, nas rúas París e Luxembrugo; a mellora dos equipamentos deportivos e sociais en Figueiras; o arranxo de pistas deportivas en Pontepedriña; e a reconstrución do muro de Costiña do Monte.

A rexeneracion asfáltica está programada, de momento, en 72 viais da cidade; aínda que pode cambiar en función das necesidades detectadas. Entre elas a Rúa das Mulas, a Rúa do Corgo, a Calzada do Sar, Vía Edison e Vía de la Cierva, a Rúa de Ferrol, a Rúa de Santa Marta, a Travesa de San Lourenzo, a Av. de Castelao, a Rúa Monte dos Postes, ou Campiño de Guadalupe, etc.

A maiores estanse planificando outras 16 actuacións, por un importe de 5.235.268,14 euros. Entre elas a rehabilitación do palacete da finca do Espiño; a renovación do céspede do campo de fútbol do SERGAS, ou as melloras de accesibilidade na Costa do Cristo.

Javier Fernádnez tamén destacou outra serie de actuacións, como o mantemento de edificios municipais, cun orzamento de preto de 600.000 euros; o mantemento de calzadas e beirarrúas, ao que se destinarán máis de 650.000 euros; ou os traballos de rozas, limpezas e distintas reparacións, cun presuposto de algo máis de 80.000 euros.

Na rolda de prensa, Javier Fernández estivo acompañado pola delinenante e técnica do departamento, Aída Cuiñas; e polo arquitecto xefe de servizo, Antonio Ranedo; aos que agradeceu, igual que a todo o persoal do departamento, o esforzo e o traballo realizado.